A parte sur da illa de Las Palmas de Gran canaria é moi turística para o meu gusto. Non é o típico sitio que a min me chame a atención. Porén, ten unha das zonas máis fermosas das illas canarias, as dunas de Maspalomas.
Realmente, non está permitido camiñar polas dunas.
De primeiras, non o parece, porque nada máis chegar, vese moita xente que o fai.
De feito, eu entereime de que non se pode cando marchaba, había un letreiro no pequeno muro que separa as dunas dun complexo hoteleiro. Pero no paso polo que entrei, non vin cartel.
Ainda así, ainda tendoo visto, non sei se me podería resistir a camiñar por elas, porque as personiñas somos unhas pequenas formigas en enormes masas de area, e porque nas zonas preto do hotel había moitísima xente sacándose fotos (rematas por pensar"por dúas persoas máis...")
Imaxino que nun futuro acabarán poñendo vallas para que non deterioremos nin influamos nos movementos de area, nin perturbemos un ecosistema que non deixa de ser moi fráxil.
Seino. É unha excusa para xustificarme ben mala. Pero de non ter camiñado polas dunas arrepentiríame, porque é un lugar moi especial.
A pouco que se alonxa do rebumbio e barullo do complexo hoteleiro e da xente que está na area e poucos pasos del facéndose selfies, a tranquilidade e inmensidade das dunas é total.
Semella que se marcha polo deserto, subindo e baixando montañas de area, pero co mar ao fondo.
Resulta curioso o doado que é chegar a atoparse completamente sós nunha enorme masa de area.
Chega un momento no que a única compaña son o vento e a area.
Tampouco son iluso, seguro que non estaba só, se xa na praia de Samil temos cruising, estas dunas teñen que ter unha bacanal agochada.
Pero no solpor, cando nin fai calor nin hai escuridade, as tonalidades son preciosas.
A fin de contas, esto é case África.