Fai click nas imaxes para abrir a entradas
Día 1 San Maurici - Saboredo |
Día 2 Saboredo - Restanca |
Día 3 Restanca - Ventosa i Calvell. Tumeneia. |
Día 4 Ventosa i Calvell - Estany Llong. Contraix |
Días 5 e 6 Estany Llong - Colomina - Mallafré |
Carros
de Foc é unha ruta de montaña que une os nove refuxios do parque
nacional de Aigüestortes i estany de San Maurici, no Pirineo de Lleida.
Os
lugares polos que pasa, e as paisaxes que amosa, son difíciles de
esquecer. A ruta é espectacular. A dureza do percorrido (4500m de
desnivel positivo en 70km, bastantes tramos sen sendeiro definido) vese
recompensada coas pánoramicas que se descobren o superar cada collado.
Un paraíso para facer fotos.
Xa
levaba un par de anos coa idea na cabeza de facer esta travesía, de
pasar unha semana de refuxio en refuxio nos Pirineos. Tanto pola
experiencia de estar uns días apartado do mundo como polas paisaxes que
percorre.
Isto
non é máis que un blog de fotos. Ademáis xa hai moito escrito sobre os
Carros de Foc. Así que pouco podo aportar. Inda así, decidinme a
compartir aquí o noso “diario” de viaxe. Fixeno así por se alguén quere
ler as nosas peripecias, e por deixar un punto de vista diferente aos
que queiran preparar esta ruta: a vivencia de galeg@s habituad@s a
camiñar polo “monte”, de paseo pola “montaña”
Antes de comezar
A
metade de nós non tiña moita experiencia en alta montaña, así que
decidimos facer os Carros de Foc en seis días, para ter marxe en caso de
contratempos, e no sentido contrario as agullas do reloxo, por ser
(según din) máis sinxelo. Normalmente a xente a fai en catro ou cinco
días, incluso en modalidade trail, hai quen a rematou en ... 12 horas!
Pero ese non se debeu parar a mirar a paisaxe.
A
reserva dos refuxios fixeramola catro meses antes, porque algúns teñen
pouco máis de 20 camas, e complétanse todos no vran. Ao definir a ruta
con tanta antelación, establecemos as etapas en función da duración
aproximada que indican na páxina oficial de carrosdefoc,
tentando que fosen o máis repartidas posibles. Pero sen ter nin idea de
como eran os percorridos nin os terreos a superar. A pesar diso,
tivemos sorte e definición das xornadas foi bastante axeitada.
Iamos comezar no refuxio de Mallafré, polo que a noite anterior durmimos na vila de Espot. Alí, a tarde previa a comezar, no
centro de interpretación do parque, puidemos ver unha maqueta en
relieve da extensión de Aigüestortes i San Maurici. Tentamos adiviñar o
trazado do percorrido, no que se apreciaban as pronunciadas pendentes.
Preguntándolle o rapaz de información do parque nacional sobre
consellos, recomendacións ou perigos e dificultades do camiño, saiu o
nome que teríamos en mente a metade da ruta: O Contraix.
O
collado máis alto e máis complicado de superar dos Carros de Foc. Para
chegar a este punto de 2749m de altura, hai que atravesar unha pedrera
interminable e unha forte subida. “Toda dificultade é relativa”,
comentabanos, e “vós estades xóvenes”, dicía para animarnos. Na maqueta
de relieve, aparecía como un paso estreitiño e branco entre moles de
pedra, con dúas empinadas paredes a ambos lados como única zona
accesible. Pero iso non sería ata o noso cuarto día, así que rematamos
os preparativos e a pensar en outra cousa tomando unhas garimbas,
mentres chegaba a Espot o resto do grupo de seis que nos xuntamos para
esta viaxe.
O primeiro día de ruta ianos levar do Refuxio de Mallafré ata Saboredo,
pasando por Refugi Amitges. Os taxis 4x4 deixan os visitantes no Estany
San Maurici, que está a 20min do refuxio de Mallafré, pero en sentido
contrario ao que iamos seguir coa ruta, polo que tiñamos que ir ata este
refuxio para recoller os “Forfaits” e desfacer despois o camiñado antes
de iniciar a marcha.
Os
Forfaits non son máis que un cartón para ir completando cos sellos dos
refuxios de paso (algo parecido á compostelana), un mapa e unha gorra.
Trala experiencia, non recomendaría pagalo, xa que custa 20€. O mapa
custa 10€ nas tendas, e a min, persoalmente, non me gustan as gorras.
Soamente se xustificaría polo cartón cos sellos como recordo. Nós
pensábamos que se o completabas, regalaban unha camiseta como premio por
rematar, pero acabamos enterándonos de que xa hai anos que non é asi.
En
todo caso, nun grupo de seis, coller un forfait para cada un de nós foi
un exceso. Pagamos a novatada. De feito, houbo quen deixou o mapa por
non cargar de máis, xa que cun par de planos para todos era suficiente.
Sexa incluido no forfait, ou mercado na tenda, a ruta hai que facela
con mapa. Non está indicada en todo o percorrido e as veces hai cruces
pouco claros. Nós, a maiores, levábamos un GPS para ir máis tranquilos.
Realmente, a maior parte do tempo so o utilizamos para confirmar que
iamos no bo camiño, seguindo o track do wikiloc.
Inda así, houbo dúas ocasións en que nos resolveu a situación e
axudounos a non perdernos. Polo que estivo ben levalo. De feito, o
primeiro día empezamos unha hora tarde porque esquecino na pensión de
Espot, e tiven que baixar e subir no taxi 4x4 expresamente para buscalo.